miércoles, 25 de noviembre de 2015

As asasinadas non poden berrar- Relato Día mundial contra a violencia de xénero

En canto empecei a ter uso da razón, xa sentín unha clara paixón polos deportes, coches, etc. En xeral, por cousas socialmente aceptadas para nenos; a xente díxome de inmediato que tiña que xogar ás bonecas e ás cociñas, porque iso era o que facían as nenas.
Aos seis anos, uns nenos dedicábanse a tirarme dos pelos; todas as mestres dixeron que era unha broma, e que non ían en serio. Un día, moi farta, devolvinlle a un unha labazada. Unha profesora colleume e rifoume, porque iso non era de señoritas.
Aos catorce anos, empezáronme a dicir que era unha descoidada co meu aspecto, e que debía arreglarme un pouquiño máis; ao pouco, empecei a maquillarme, e ao ir á academia de inglés, unha nena miroume mal e díxome que "era esaxerado maquillarme tanto, que era demasiado presumida". E todos concordaron.
Máis adiante, houbo unha época na que estiven saíndo con diversos homes, e tendo relacións sexuais con eles. Recibín cualificativos coma "puta, porca", e diversos rapaces dixéronme comentarios vulgares coma "mamada a un euro", e atrocidades semellantes.
Había profesores estaban presentes pero... Ninguén dixo nada.
Un día, cando ía de volta á casa, un home paroume e me preguntou se quería que me fose con el á súa casa. Obviamente, respondinlle que non, pero o home non desistiu. Agarroume ata achegarme ao seu coche, e cando estiven a punto de entrar, abrumada ante a súa forza, unhas mulleres que pasaban por alí, berraron:
-Laura! Es ti?
Non me coñecían de nada, pero me agarraron dun brazo cada unha e me levaron agarrada ata que perdemos de vista ao home. Expliqueilles o que me pasara, e elas me acompañaron ata a miña casa. Se elas non estiveran alí, ese home podería haberme violado.
Conteille o que me pasara a diversas persoas e todas dixeron que iso me pasaba por ir soa pola noite. Todos me recriminaron, preguntándome como iría. Todos me culparon, sendo eu a verdadeira vítima.
Pasei meses sen noivo, por medo a que me volvese a pasar algo similar, e a xente do meu redor comezou a chamarme fríxida e monxa. Desesperada coma estaba, aceptei ao primeiro home que se me propuxo. Ao principio todo ía ben, polo que empecei a recuperar toda a confianza perdida.
Entón, as cousas cambiaron.
"Con quen falas co teléfono? Ensínamo." "Eu de ti non iría con esa roupa... A saber con que ollos te mirará a xente" "Hoxe vou saír de festa, pero mellor quédate aquí, non quero que te pase nada"
Ao principio, pensaba que era amor… Pensaba que o dicía porque me quería... Pero pouco a pouco me comecei a fartar e empecei a abrir os ollos.
Cando eu lle discutía o que el dicía, volvíase moi agresivo.
"QUE ME DES O TELÉFONO, A VER CON QUEN FALAS". "COMO TE VISTAS CON ESA ROUPA NON TE DEIXO SAÍR" “Se non estiveses comigo non vivirías” “Se non estás comigo, te mato”.
Chegou un punto no que se emborrachaba moito, para logo forzarme a ter sexo con el, logo desculpábase e pedía perdón. Choraba como un neno, dicindo que non volvería a pasar. Tardei case un ano en sincerarme coa miña mellor amiga, e foi ela a que me axudou a saír dese inferno e a deixalo.
Aquel 10 de decembro, el apareceu no meu fogar, moi borracho, e cabreado. Esixiume que volvese con el ou, mellor dito, ameazoume de morte para que volvese con el.
Saquei valentía, indisposta a seguir soportándoo. El se xirou; parecía por fin disposto a marchar, cando de súpeto sacou unha pistola da chaqueta e me disparou no abdome.
-Non ías poder vivir sen min de todas maneiras –é o último que oin.


Vinte e cinco de novembro, día mundial contra a violencia de xénero. Pero, ¿cal é o obxectivo de este día? A resposta é simple: visibilizar esta violencia e intentar derruíla.
Pero, ¿que é a violencia de xénero?
Enténdese por violencia de xénero todo acto de violencia física ou psicolóxica (coma as indicadas no relato) que se exerza contra unha muller por parte do home que sexa, ou fose o seu cónxuxe, sen ser necesaria a convivencia no fogar.
 A violencia de xénero ten un nome erróneo, posto que a violencia de xénero é  violencia machista, e é unicamente contra mulleres (a violencia aos homes é chamada violencia ou maltrato, a secas, e está tan mal como calquera tipo de violencia exercida sobre outra persoa).
A violencia machista é cara as mulleres por un simple feito: son o sexo oprimido nesta sociedade tan patriarcal. E aínda que hai  moita xente pensa que vivimos nunha sociedade igualitaria, están equivocados.
Hai igualdade cando en moitísimos traballos as mulleres son peor pagadas que os homes por facer o mesmo?
Hai igualdade cando un home que ten relacións con moitas mulleres é un ligón, e se o fai unha muller é unha porca?
Hai igualdade cando en España hai unha media dunha violación cada oito horas, o 88% das violacións son cara as mulleres e, tras a violación dunha muller, en moitas ocasións a sociedade fai ás vítimas sentirse culpables con ese “algo farías”?
A resposta é clara: non.
Hai moitas máis situacións machistas a diario que soen pasar desapercibidas. E ninguén fai nada. Ou se o fai, soe recibir cualificativos coma, por exemplo, feminazi. As feministas non buscamos ter o poder sobre os homes; buscamos ter o poder sobre nós mesmas.
Para rematar coa violencia machista, o primeiro que hai que facer é rematar con este machismo que tan ligado vai á nosa sociedade e á nosa cultura. Ese “algo farías” que a sociedade recrimina á vítima é inaceptable. Unha vítima de violencia machista NUNCA será culpable de habelo sufrido. E non importa se ía con escote, ebria, ou soa pola noite: o único culpable é o autor do crime e a sociedade patriarcal que o apoia.
O patriarcado é o maior aliado dos maltratadores; o patriarcado é esa cultura, ese sistema social que apoia e inculca o machismo, e pola que todos estamos influídos ao criarnos nela. Para rematar coa violencia machista, primeiro debemos manifestarnos e rematar co patriarcado.

Cando nos manifestamos somos criticadas, pero recordade que as asasinadas xa non poden berrar. E este ano, en España, xa van 89.
Oitenta e nove mulleres que xa non berrarán xamais polos seus dereitos.